CANGAS NON SE VENDE

FORO SOCIAL POLA DEFENSA DO POBO

Nota de prensa do Foro Social


Ante as declaracións de Enrique Sotelo, relativas a que “ten unha a solución ao conflito pola construción do porto deportivo en Massó”, pero que non a fai pública “porque non goberna” e que “membros do Foro de Cangas apoiaron a proposta de solicitude de prórroga da concesión a Marina Atlántica”


PRIMEIRO

Lembrarlle a Enrique Sotelo que como cargo público electo está obrigado a axudar a resolver os problemas de Cangas, estea ou non no equipo de goberno, especialmente no tema do porto deportivo xa que se trata dun problema que iniciou él como alcalde. Se el ten a solución está obrigado a presentala. En caso contrario que se deixe de lanzar farois, que isto é moi serio e non un xogo político, que está en xogo a paz social, o urbanismo para Massó (zona verde de esparcemento para o pobo de Cangas) e o traballo dos mariñeiros. E aos políticos non se lles asinan cheques en branco para que despois fagan con eles o que queiran.


Se ten unha solución que faga unha proposta no próximo pleno, que será apoiada supostamente polo BNG que manifesta coa boca pequena estar contra o porto deportivo, por ACE, que está claramente contra del, e supoñemos que polo PSOE, que deberan querer a paz social en Cangas. Todos contentos, problema resolto e mérito para o PP en Cangas. Os mariñeiros a pescar e o Foro non tería nada máis que dicir.


Que ninguén pense que o Foro Social está interesado en manter un conflito permanente en Cangas. Ou alguén pode pensar que é prato de bo gusto estar ao pé do canón durante máis de catro anos, día tras día?. So a ineficacia dos nosos políticos é quen de manter esa conflitividade que só eles (ou os xuíces) poden resolver.


A alcaldesa que asine, dunha vez por todas a colocación do sinal de prohibición de circulación e que paralice as obras no Salgueirón porque non existe licenza municipal que as ampare.


O Foro coincide en que a alcaldesa é a actual culpable da situación e que mentres lles di aos votantes que non está a favor do porto deportivo está en total conivencia coa empresa para que esta sega adiante coas obras pese a que o propio TSX manifesta que cómpre unha licenza municipal para o desenvolvemento das obras, a fiscalía reclama que se presente a licenza e o tribunal do contencioso da 20 días para que presente a licenza ou a orde de paralización.


SEGUNDO

Sotelo que non tente sacar réditos emporcando máis a situación e que se absteña de insinuar falsidades acerca das actuacións do Foro Social. O concelleiro de urbanismo presentou a instancias do Foro, o 26 de marzo de 2008, solicitude perante a Autoridade Portuaria de Vigo para que esta NON renovara a concesión para porto deportivo, uns días antes da caducidade da mesma, xa que en Massó se estaba conculcando a legalidade., polo que non é certo o afirmado por Sotelo.


Cangas 18 outono 2009