FORO SOCIAL POLA DEFENSA DO POBO
O Foro Social opina que a empresa Puentes y Calzadas vai de farol e de perdoavidas. Agora resulta que recoñecen que non tiñan proxecto nin permisos para facer a versión "recortada" do porto, que, por certo, pasaba de 420 a 450 amarres e implicaba un brutal dragado e voadura do substrato rochoso, e aínda ameaza con que senón voltan ao proxecto "orixinal", que segue a ser incompatible co actual uso en terra e, polo tanto, igualmente ilegal.
Está claro que a súa ofensiva mediática con páxinas enteiras de publicidade responde ao feito de que o seu proxecto non ten O MÁIS MÍNIMO suporte legal e pretenden utilizar a forza das máquinas e a ameaza á paz social como palanca para conseguir a recualificación especulativa dos terreos en terra.
Remarcar que o prazo que agora termina é o de FINALIZACIÓN da obra, o cal, evidentemente é imposible, aparecendo a apresurada petición de prorroga como unha maneira máis de chantaxe.
A tramitación administrativa da concesión para o porto non se fixo segundo marca a lexislación, polo que a empresa só ten unha única saída que é reclamar á Autoridade Portuaria de Vigo a indemnización que lle corresponda por terlle outorgado unha concesión NON válida.
O pobo de Cangas merece ese espazo natural e zona verde para uso público e TODOS os grupos con representación municipal, e en especial ós que teñen responsabilidade de goberno, deben implicarse en favor do ben público para que esta obra non se chegue a iniciar.
Hai insinuacións de que importantes políticos a nivel galego teñen intereses nesta recualificación e reclamamos do grupo local de goberno que atenda en primeiro lugar aos seus votantes directos e ao cumprimento dos seus programas e acordos de goberno, defendendo os intereses de Cangas.
O Foro Social reclama que sexa a poboación, a traveso da participación cidadán na elaboración do PXOM que agora comeza, a que decida a utilización do Salgueirón dentro dunha visión GLOBAL do concello e das súas necesidades. Ten que ser valorada publicamente a necesidade destes terreos para paliar o enorme déficit do concello en zonas verdes e pensamos se teñen que reclamar das administracións autonómica e estatal inversións no concello, entre as que debería estar a recuperación do patrimonio no Salgueirón.
www.cangasnonsevende.org
