CANGAS NON SE VENDE

FORO SOCIAL POLA DEFENSA DO POBO

Coa autoridade portuaria de Vigo renovando inxustificadamente a prórroga das obras do porto deportivo non levamos ningunha sorpresa especial: continúan coa súa prevaricación continuada e nós continuaremos coas nosas denuncias ate lograr que a xustiza lles faga pagar a súa evidente falla de respecto as leis e as consecuencias das súas decisións arbitrarias sobre a economía e o medio ambiente da ría de Vigo.

Temos tamén a alcaldesa de Cangas mostrando cada vez máis abertamente a súa posición favorable ao porto deportivo (despois de asinar un acordo de goberno que se opoñía ao porto nas condicións actuais e sen que houbera o máis mínimo cambio nel !), en este caso apoiandose nun informe da secretaria municipal ao que o Foro tivo acceso e que podedes descargar: 20080324secretaria.pdf .

Sen ter aínda un contrainforme completo, xa nos chama poderosamente a atención que ao citar a lexislación aplicable, cite a lei 27/1992, de Portos do Estado e da Mariña Mercante, e non cite a 48/2003 de réxime económico e de prestación de servizos dos portos de interese xeral, que é unha renovación lexislativa da anterior. Ignorancia?, ocultación deliberada?. Preguntada no pleno, a alcaldesa reafirmase na súa terquedade sobre a importancia de quén asina os informes, como se as leis non estiveran ao alcance de todo o mundo e non se puidera debatir libremente a súa correcta aplicación. No concello de Cangas xa temos longa experiencia de onde nos pode levar esa manipulación dos informes. E na autoridade portuaria tamén.

E tamén resulta chocante, por utilizar un adxectivo suave, a afirmación feita pola Secretaria do Concello de que os contactos realizados polo concelleiro de urbanismo coa autoridade portuaria permitisen afirmar que o Concello daba o seu beneplácito á legalidade da concesión.

E a data do día 7 de abril permanece, se non hai máis novidades, como nova ameaza de inicio das obras.