CANGAS NON SE VENDE

FORO SOCIAL POLA DEFENSA DO POBO

    NOTA DE PRENSA DO FORO SOCIAL DE CANGAS
 
    Temos que saír ao paso das declaracións aparecidas en prensa nas que a
alcaldesa, Clara Millán, afirma que o concello ten que "tragar" coa
concesión de porto deportivo en Massó. Dende o Foro xa lle temos
transmitido documentación suficiente para asegurar que esa concesión
incumpre totalmente a legalidade (non hai Plan de Usos, a concesión no mar
é da Confraría, hai unha finca de dominio público rexistrada ilegalmente
como propiedade particular, etc), e que é a Autoridade Portuaria de Vigo a
que ten restituír a legalidade, ou a xustiza a traveso das múltiples
denuncias en curso.
 
    En canto as declaracións de Héctor Otero, a nosa opinión é que para
arquitectura espectáculo e "referentes" xa temos a Cidade da Cultura, e que
en Cangas precisamos inversións que coiden do patrimonio, agora en estado
ruinoso, e que eviten que a xuventude emigre. Non se pode permitir urbanizar no
Salgueirón a Norman Foster o que en terreos similares non se lle permite
urbanizar aos veciños de Cangas.
 
    Non entramos a valorar os comentarios sobre a proposta presentada por A
Oitava Illa porque non tivemos a oportunidade de coñecela. Recalcamos que o
Foro Social reclama O Salgueirón en conxunto como terreo público que sirva
para remediar o enorme déficit de Cangas en zonas verdes, e rexeitamos calquera
aproveitamento residencial superior ao 10% que figura na ordenación actual
(xa cuberto polas propiedades dos antigos traballadores).
 
    Foro Social de Cangas