CANGAS NON SE VENDE

FORO SOCIAL POLA DEFENSA DO POBO

Coche oficial, chofer, nin unha mirada aos representantes de colectivos pola defensa da ría que veñen a exercer o dereito cidadán de alegar contra un atentado mais contra a saúde da nosa ría.

Aínda mais, tras efectuar os representantes dos colectivos unhas declaracións para a TVG, e coas cámaras ainda presentes, péchasenos a porta na cara sen explicacións do gorila de turno e temos que chamar a policía para que se persóe a tomar acta. Posiblemente tras algunha chamada teléfonica, o secretario do presidente da APV, Carlos Fon, baixa a abrirnos, entréganse as alegacións e se solicita unha entrevista para pedir explicacións. Recíbenos Carlos Fon, as explicacións son sobre as medidas de seguridade ante a peligrosa concentración diante da APV ( quince persoas), e o caracter legal de todas as decisións da APV, non declaradas ilegais nunca (ainda), polo poder xudicial.

 

Adxuntamos as alegacións presentadas polo Foro Social ante o novo proxecto de recheo en Rande:

 

  

D. ...................................., con  DNI nº.......................................e enderezo en ..................................................., .........................,  ..................,

 

E X P O N

 

Que, coñecido polo BOP de Pontevedra das intencións da empresa TRANVIAS ELECTRICOS DE VIGO, S.A., que solicitou concesión administrativa para ocupar unha superficie para a instalación dun peirao pantalán e infraestrutura en Cabanas – Rande, parroquia de Transmaño, Concello de Redondela, dentro da zona de servizo do porto de Vigo, para instalación frigorífica con elaborados de pescado, industria alimentaria, actividades de pesca, almacenaxe e distribución e industrias auxiliares e, dentro do prazo estipulado, presenta as seguintes

 

 

A L E G A C I O N S

 

 

1.- A solicitude que fai esta empresa, supón unha alteración grave do litoral e fondo mariño do estreito de Rande, zona denominada LIC (Lugar de Importancia Comunitaria) que está protexida pola Directiva 92/43 de 21 de maio de 1992, relativa a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres da U.E., baixo a denominación REDE NATURA 2000 ENSEADA DE SAN SIMON.

 

2.- Consultado o proxecto en copias procedentes da APV, observamos a construción de 225 metros lineais de pantalán pilotado de 25 metros de ancho, que supón 6750 metros cadrados, adentrándose no mar mais de cen metros dende a liña de deslinde marítimo-terrestre, e previamente a formación dunha escollera con recheo puro e duro, que aínda que se quixera chamar afloramento, gánalle o mar 50 m, dentro da zona protexida pola REDE NATURA 2000 ENSEADA DE SAN SIMON, o que fai esta obra totalmente ilegal.

 

3.- A Lei de Costas 22/1988, de obrigado cumprimento en todo o Estado, no seu artigo 32 di: Unicamente se podrá permitir la ocupación del dominio público marítimo-terrestre para aquellas actividades o instalaciones que, por su naturaleza, no puedan tener otra ubicación. Todas as actividades solicitadas pola empresa solicitante, por certo, de nome non moi vencellado ao mar, pódense realizar fora do dominio público e estáse a amparar unha usurpación de este para fins particulares, aparte do feito especulativo que supón, posto que un terreo antes público adquire subitamente grande valor de mercado. Non resulta posible ademais ampararse no interese público da actividade posto que non se demostra nin se pode supoñer gratuitamente: trátase dunha actividade particular. É intolerable que se siga permitindo a instalación de industrias particulares no litoral da Ría, aumentando así o impacto ambiental por alteracións ambientais, xeodinámicas e estéticas dun paraxe natural incomparable en grave risco , como é a Ría de Vigo.

 

4.- A actuación atopase dentro do xacemento submariño catalogado correspondente aos pecios da Batalla de Rande. Non se mostra estudio da afección ao xacemento.

 

5.- Non existe estudio de impacto ambiental.

 

Polo anteriormente exposto,

 

 

S O L I C I T A

 

 

A negativa a realización das obras solicitadas pola empresa TRANVIAS ELECTRICOS DE VIGO, S.A. no lugar indicado, pois non está xustificada a ubicación desta industria no bordo do litoral, sendo o lugar axeitado para ela un polígono industrial. Para a descarga e carga de mercadorías ten a 2 millas o formidable porto de Vigo, non estando xustificado a construción dun porto particular para tal fin.

 

......................., a  ....... de Xullo de 2006.

 

 

AUTORIDAD PORTUARIA DE VIGO