FORO SOCIAL POLA DEFENSA DO POBO
SUXERENCIAS OU ALEGACIÓNS PRESENTADAS POLO FORO SOCIAL DE CANGAS:
MEDIO AMBIENTE
Na avance fálase de protexer ámbitos de valor como ríos, zonas forestais, vales de policultivos, pero estes ámbitos de valor descritos posteriormente como “elementos fundamentais que conforman a paisaxe” (páxs. 42-43, tomo II): “corredores ecolóxicos nas serras e na costa, montes urbanos, montes forestais e corredores verdes fluviais e dos vales”, que terminan catalogándose na meirande parte dos casos como zonas de esparexemento.
Contrariamente ao exposto na memoria (páx. 43, tomo II), estas propostas NON encaixan coas directrices que marcan as DOTG neste eido, xa que fala de que “nas zonas con maior capacidade de acollida existe a oportunidade de acondicionar áreas de esparexemento, que posibiliten gozar do territorio por parte da poboación e evitar a presión sobre as zonas naturais máis valiosas e sensibles”.
Os ríos de Cangas e as súas marxes, de escasa entidade, son zonas moi sensibles á alteración e cunha escasísima capacidade de acollida de poboación para seren clasificadas como zonas de esparexemento. Ademais, non son menos valiosas nin menos sensibles que as zonas naturais incluídas na rede Natura. Cangas non conta con ningún curso de auga de entidade, polo que as escasas representacións destes cursos deben ser protexidos a toda costa para garantir a conservación de fauna e flora asociada aos mesmos. Os ríos, ou son zona de esparexemento ou son corredores biolóxicos e de protección ambiental e non “unha potente infraestrutura para o conxunto da metrópole”.
Para que as serras centrais funcionen como un verdadeiro corredor ecolóxico para a flora e a fauna deben comunicar de forma axeitada os dous espazos da Rede Natura existentes. Nese sentido, a creación do polígono industrial (de excesivas dimensións) na Portela-Castiñeiras, tamén suporía o illamento destes dous espazos naturais ao cortarlles a conexión co carballal de Coiro e Montes do Morrazo, polo que os dous espazos, aínda estando conectados entre si converteríanse nunha illa pola súa situación no extremo da península, rodeadas por un entramado urbano. Para garantir o corredor, debería construírse un falso túnel sobre a vía rápida, eliminando o excesivo noiro artificial que se atopa ao norte do Monte Liboreiro (xa en Bueu).
Coa mesma intencionalidade, deberían clasificarse como SRPEN diversos terreos que se manteñen como forestais ou sen catalogar, como a parte norte do Liboreiro, os que bordean o LIC de Cabo Udra (na zona de Menduiña-Lagoelas, clasificados como “sen potencialidade” e que son imprescindibles como zona de amortecemento e preservación do perímetro do LIC), ou os terreos ao sur da vía rápida (nacemento do Río Orxás) a fin de permitir o contacto, a través das serras, dos dous espazos da Rede Natura evitando o seu illamento. É sospeitoso que estes terreos de Menduíña-Lagoelas xa figuraban recualificadas nun convenio que en este momento se debe considerar nulo. Tamén atopamos despectivo referirse a eles como “sen potencialidade” cando o termino correcto é o de “protección ordinaria”.
SOLO FORESTAL SEN CLASIFICAR ENTRE ALDÁN E DARBO (AO NORTE DO MONTE VARALONGA)
Non se entende como os terreos forestais situados ao norte do Monte Varalonga non se clasifican, quedando como “sen especial potencialidade”, nun limbo que podería dar paso a futuras recalificacións especulativas (xa figuraban recualificadas nun convenio que se debe considerar nulo). Deben clasificarse como solo forestal, e liberando da categoría de zona verde ao “bosque encantado”, que debería ser SRPEN. Todo elo formaría parte do que nas memorias se ven en chamar o corredor central das serras.
OS ESPAZOS LIBRES COMO PROXECTO MEDIOAMBIENTAL E A PROPOSTA DE SISTEMA DE ESPAZOS LIBRES E ZONAS VERDES SON UNHA AGRESIÓN AO MEDIO NATURAL.
O proxecto de ordenación degrada espazos naturais de importancia partindo da premisa (falsa) de que un parque vai funcionar como un espazo natural,
Parece que estamos creando zonas verdes sobre antigos espazos degradados, cando na realidade estase propoñendo axardinar zonas naturais de gran valor ambiental. O equipo redactor non parece ter claro o que é un espazo libre (zonas de esparexemento, con gran capacidade de acollida, ás que poden inferírselles características de aproximación ao medio natural, nas que en efecto se pode poñer en contacto a poboación co medio ambiente, pero que non deixan de ser áreas antropizadas) e pasa a situar no medio natural as zonas verdes, introducindo á poboación en masa nese medio natural que di pretender protexer e conservar.
O medio natural debe preservarse e separarse claramente dos espazos libres. Non é de recibo a pretensión de que os espazos naturais que se atopan entre Sistemas Xerais de espazos libres se convertan tamén espazos verdes humanizados, estragando o que supostamente se pretende preservar.
ZONAS VERDES EN TERREOS DE MONTE COMUNAL
A pretensión de declarar a Serra Nacente (monte comunal) como un parque urbano é descabellada. Este monte, pola súa característica de comunal, non poderá ser expropiado para este fin, e falar dunha permuta “por outros terreos forestais” da parroquia só pode deberse ao descoñecemento do territorio a planificar, xa que non quedan na parroquia terreos desa superficie salvo se pretende permutarse por terreos agrícolas ou aptos para urbanizar. Este espazo puidera ter un uso recreativo se o deciden os comuneiros, o que redundaría nunha mellor calidade de vida dos cidadáns, máis nada ten que ver cun sistema libre de zonas verdes.
Según a LOUGA os terreos das comunidades de montes deberán ser cualificados de protección forestal ou outra.
Tampouco se entende que os terreos de serra nacente/poñente que lindan con este monte comunal e que poderían tamén cualificarse como sistema de espazos libres se manteñan como solo rústico de protección da paisaxe.
O mesmo acontece en zonas de monte comunal situadas na costa entre Santa Marta e Areamilla.
RIOS
Falta a grafía de numerosos regos de certa importancia que están a ser canalizados e entubados polos lindantes. É fundamental este cartografiado porque desaparece e pérdese DPH e se canalizan estas augas cara á rede de sumidoiros coa sobrecarga da EDAR, xa de funcionamento deficitario.
Tódolos ríos deben conservarse como SRPCauces, equiparable a SRPEN. As masas de auga son escasísimas en Cangas (e no Morrazo), polo que deben preservarse con toda a súa potencialidade biolóxica. As zonas verdes de esparexemento, que neste avance aparecen diseminadas por todos os ríos (nalgún caso ocupando unha gran superficie) deben colocarse en solos de menor valor ecolóxico e ambiental. Algúns son hábitats prioritarios, porque contan con ameneirais; conservar estas árbores non garante a conservación do ecosistema e moito menos se se tranforman en zonas verdes de esparcimento (91E0 * Bosques aluviales de Alnus glutinosa, da Directiva hábitats), como acontece na Rúa-Espíritu Santo e no denominado “bosque encantado” do Río Orxás-Aldán.
O “denominado Bosque Encantado, na Finca do Conde” é un exemplo claro de como un espazo natural de importancia botánica (hábitat prioritario), que debería ser declarado SRPEN pretende converterse nun sistema xeral de zonas verdes ou como de protección de cauces.
Debe quedar claro dende o principio que os cauces non deben destinarse a zonas verdes e, no concello de Cangas, deben catalogarse todos como SRPEN. Únicamente deberían separarse claramente aqueles terreos nos que pola súa abundancia de patrimonio etnográfico nas marxes, poidan considerarse zonas verdes de esparexemento.
MASSÓ
Debe ser a gran zona verde que Cangas necesita.
A actuación de Massó califícase de actuación estratéxica residencial-dotacional, e non define aproveitamentos edificatorios pero sí os asegura. O Foro non pode estar de acordo con isto e ten que reclamar a totalidade de Massó como espazo público.
Dunha banda debe rescatarse para o pobo a primeira liña de costa. Debe solicitarse a desafección dos terreos de DPMT da APV do “4º proxecto reformado da zona de servizo do Porto de Vigo (entre os puntos 30 e 50 do deslinde do 21,06,1974), xa que prexudican gravemente o planeamento urbanístico do concello e non conta con calado suficiente para desenvolver actividades portuarias. Ademais, a APV fíxose con eles mediante falsidade en documento público xa que dende a Dirección General de Puertos y Costas se lles indicou que non poderían ser terreos da APV se contaban con praias e non era acorde co planeamento urbanístico en vigor.
Esta zona inclúe tres praias e unha parte dela é SRPEN.
O PEPRI Massó non pode incluír DPMT, alomenos mentres eses terreos non esten desafectados. A calificación adecuada para eles e a lámina mariña debe ser de Plan Especial, que deberá especificarse que ten que ser acorde con un PUEP e acordado coa autoridade urbanística local (lei 27/1992).
Deben grafarse correctamente os terreos declarados SRPEN mediante resolución do 10.01.90 pola que se ordena a publicación das normas complementarias e subsidiarias de planeamento das provincias de Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra (DOG nº 17, do 24.01.90), ditada pola entón Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas. Así pois, os terreos de Punta Balea (deslinde O. M. do 21.06.74, do nº 42 en adiante) entran nesta calificación. Existen inventarios faunísticos e florísticos deste espazo natural de Punta Balea que o acreditan como unha das zonas de maior diversidade do concello. Estes terreos deben separarse do que se grafía como PEPRI de Massó.
Os restantes terreos propiedade da antiga factoría Massó non afectados pola resolución do 10.01.90 (a excepción da fábrica de conservas) seguían sendo en 1990, solo rústico (non urbanizable), polo que cumpre aplicarlle a servidume de protección de 100 m, fixada pola Lei de Costas en 1988 e unha maior protección (de ata 200 m, en base á LOUGA). Non se entende que se pretendan situar zonas verdes de esparexemento sobre SRPEN (costa entre Santa Marta e Punta Balea) renunciando a crear un gran parque público (zona verde e patrimonial) nos terreos que circundan ás factorías de Massó.
A área verde de Massó continúa levando trabazos, na primeira versión do avance (a filtrada polo PP) o campo de Massó se comunicaba co resto da zona verde, nesta versión, pasan a ser PEPRI un triángulo de uns 7.000 m2, e pasan a ser equipamentos a baleeira e as naves da chimenea.
TERREOS DE SRPEN DAS NORMAS SUBSIDIARIAS DE 1990
Deben grafarse correctamente os terreos declarados como SRPEN por Resolución da Consellería de Ordenación do Territorio e Obras Públicas pola que se ordena a publicación das normas complementarias e subsidiarias de planeamento da provincia de Pontevedra (DOG nº 17, do 24.01.90, planos 6a,b,c. Cabo Home, páxs. 642-644 e plano 20 Carballal de Coiro).
Este requerimento xa figuraba entre os que a Dirección Xeral de Urbanismo anotaba sobre o anterior plan xeral presentado por Arteplan.
Unha grande superficie pasa a outras categorías, como de protección de costas ou mesmo zonas verdes (en Nerga, Liméis, Punta Balea, Areabrava, etc.)
Na zona de Liméns debe eliminarse a actual estrada que atravesa as dunas e o SRPEN
CRECEMENTO URBANÍSTICO DESORBITADO
No tomo II fálase da creación dunhas 6.000 vivendas novas ata 2020 (páx. 61), “facendo unha proxección e mantendo un ritmo de crecemento anual do 2,74%” (o mesmo que para o período 2001-2007, de claro auxe urbanístico). Estas previsións elévanse ata as 7.000 vivendas novas (páx. 51) e un aumento de poboación de preto dos 17.000 habitantes, o que suporía case duplicar a poboación nos próximos 10 anos (páx. 49).
Este crecemento está claramente desproporcionado coas necesidades (hai un 20% de vivendas baleiras, unhas 2.300), un 13, 3% de vivendas secundarias e o único obxectivo deste crecemento é alimentar o negocio da construcción e a especulación, cando estase a demostrar que estas son as causas principais da actual crise e que os resultados son: perda de chan, desvío de recursos para outros sectores, degradación ambiental, insuficiencia de servizos básicos e perda de calidade real de vida.
Habería que preguntarse se a desmesurada edificabilidade e o esaxerado crecemento poboacional vai enfocado ao concello como tal ou a este como dependente de Vigo dentro dunha hipotética área metropolitana.
Fálase da ampliación da EDAR de Massó (páx. 108, tomo II). ¿Onde están as previsións para a nova depuradora? ¿En SRPEN, a costa da Lagoa da Congorza?
As actuais leis obrigan a ter asegurados os adecuados subministros e servizos ANTES de realizar a urbanización ou o crecemento residencial que se proxecte.
Non fai o cálculo das zonas verdes necesarias actualmente (cun deficit de 270.000 m2 según a anterior equipa redactora, Arteplan)
Estas necesidades deberán aparecer no plan cuns estudos económicos e orzamentos reais.
AUMENTO DESORBITADO DA SUPERFICIE URBANA
A extensión urbana amplíase dunha maneira brutal. É especialmente salientable na parroquia de Darbo, na zona de San Roque, Balea, Barreiras, Cunchido, Santa Marta, e tamén na de San Pedro, Ourelo, Cimadevila, Ximeu, Castelo.. Tamén na Parroquia de Coiro, Romarigo, Retirosa, Castrillón, Trigás, Gruncheiras, Espiritu Santo, Punta Rodeira e Canabal. Aldán tamén medra hacia Espiñeira e Areacova, hacia Piñeiro e Gandón e hacia Herbello; Hio faino hacia Arneles e xúntase con Vilariño. O total de chan urbano sitúase en perto de 7 millóns e medio de m2, aos que hai que adicionar millón e medio de m2 de núcleo rural e case que outro millón e medio de solo urbanizable.
O chan de núcleos tradicionais é de millón e medio de m2 cando no plan de Arteplan eran só 445.000 m2.
Hai numerosas zonas cualificadas como urbanizable residencial (asimilables coas antigas áreas de reparto?), sobre zonas claramente rústicas. Exemplos en Arneles, San Cibrán, Francón, Montecarrasco, Colexio da Enseñanza, A Rúa, Campo da Aldea, Reboredo, Romarigo..Coa cantidade de nucleo urbano existente poderían ser claramente espazos libres. A cualificación presentada parece de caracter especulativo.
COSTAS
Non utiliza a ampliación a 200 m de protección de costas, moi posible en zonas como o Canabal, Massó, as Barreiras de Darbo, Santa Marta, Francón, Menduíña.
PROTECCIÓN PATRIMONIAL
Débese reclamar en primeiro lugar unha protección real de todolos xacementos arqueolóxicos do concello, evitando que o xacemento do Facho leve todo o protagonismo e atendendo ao valor do conxunto e á protección individual e real de todos eles.
A protección do castro de Herbello bordea os chalés de Promalar, deixándoos fora, cando están claramente dentro da afección de 200 m.
As salgaduras e fábricas de conservas non aparecen entre os elementos resaltados como de protección patrimonial, cando evidentemente forman parte del. Isto parece amosar un interese puramente economicista sobre estes bens. O Foro solicitou no seu día ao servizo provincial de costas a apertura dun expediente de investigación sobre o deslinde marítimo terrestre na fábrica de Ameixide, por resultar de todo estraño que este límite percorrera todo o frontal da fábrica (máis de 100 m) en liña absolutamente recta, cando o máis probable sería que estivera asentada nun recheo e existira por tanto dominio público baixo a fábrica e implicaria a situación de concesión e non de propiedade privada das instalacións situadas sobre recheo.
EQUIPAMENTOS
CAMPO FÚTBOL DO ALONDRAS
¿Que se pretende coa recualificación dos terreos do campo de fútbol do Alondras?. Se a escusa é a falta de aparcamento á hora de desenvolver as actividades deportivas, isto pode subsanarse coa instalación dun aparcamento soterrado nas inmediacións ou baixo o propio campo. O traslado sería unha recualificación encuberta duns terreos que proporcionaría grandes dividendos ao club, que ademais se vería despois beneficiado pola instalación dun novo campo ¿de propiedade e custes de mantemento municipais?, en terreos expropiados aos veciños de Coiro, entre os núcleos de Castrillón–Trigás. Iso sería inxusto para o conxunto da poboación, que non obrigatoriamente ten que sofrer e pagar para cubrir as necesidades dun deporte, necesidades que actualmente non ten.
Dase por completamente finiquitado o antigo (de fai só 40 anos atrás) bosque das Andias.
NOVO CEMITERIO MUNICIPAL
Está instalado no nacemento do río de Postillón, entre os Picos Gatita e Outeiro da Raposa, ocupando Dominio Público Hidráulico.
EQUIPAMENTO DEPORTIVO EN VERÍN (SX E-101)
Instalado no nacemento do río
SUBMINISTRO ELÉCTRICO
Non se contempla o traslado da subestación eléctrica de San Pedro á Portela, cuestión que xa foi acordada previamente.
SANEAMENTO
Debera estar asegurado o necesario para a capacidade residencial. Xa non o está na actualidade, pola falla de separación de pluviais e polo dimensionamento xa inferior ao necesario para a capacidade residencial estival do concello.
Unha adecuada previsión sería dotar de zonas para a ubicación de pequenas EDAR distribuídas según as cuncas fluviais.
Os equipamentos deben estar ubicados en solo urbano urbanizable. En caso de estar en solo rústico de protección deben estar situados a unha distancia inferior a 1000 metros do solo urbano e mediante a aprobación dun Plan Especial de Dotacións.
SOLO EMPRESARIAL
As proteccións patrimoniais no PEIM serían suficientes para desbotar a ubicación do polígono ou unha grande parte del. O seu impacto no territorio é inadmisible (1.500.000 m2).
As instalacións de subministro de combustible situadas no centro de Cangas deben ser trasladadas a zonas máis axeitadas e de menos perigo para a poboación.
O terreo nos Castros de Nerga que aparece no Plan Galego de Acuicultura, está no avance como chan rústico de protección de costas. É unha omisión?. O equipo redactor e o concello, tanto en este caso como no PEIM, deben opoñerse á cualificación dun plan de rango autonómico, por non resultar acorde coa legalidade e coa planificación global do concello. A cualificación adecuada neste caso é SRPEN.
Anexos en CD:
Alegación ISA PEIM
Alegación PEIM
Manifesto colectivos Morrazo sobre Parque Industrial
Alegación Plan Vigo Ïntegra
Alegación Plan Acuicultura
Alegación Plan Sectorial VPO
Polo exposto,
SOLICITAMOS : teña por formuladas as presentes suxerencias ou alegacións ao AVANCE DO PLAN XERAL DE ORDENACIÓN MUNICIPAL DE CANGAS, que se atopa en fase de exposición pública.
En Cangas, a 29 de xuño de 2009