CANGAS NON SE VENDE
FORO SOCIAL POLA DEFENSA DO POBO

XORNADA DE OBSERVACIÓN DA ZONA INTERMAREAL 5 de decembro, 11:00 da mañá Torre de Massó, Cangas do Morrazo Sabado 5 de decembro con saída da torre de massó ás 11 da mañá, xornada de observación da baixamar: a vida na zona intermareal. Percorrerase o intermareal do Salgueirón ata Punta Balea, a duración da actividade será de 2 horas e será guiada por Antonio Fernández Cordeiro, doutor en bioloxía e presidente do grupo ANDURIÑA. Xornada de observación na baixamar. A vida na zona intermareal (tan próxima como descoñecida e esquecida). Un mundo diverso se nos presenta cada día ante nos, coa baixada da marea. So temos que achegarnos a el para observar infinidade de organismos animais e vexetais. O litoral mariño é a franxa costeira comprendida entre a preamar e a baixamar. A transición entre o ecosistema mariño e o terrestre ten lugar de forma progresiva, producíndose unha zonación, que fai que os seres vivos se distribúan en franxas específicas ben delimitadas en función das súas propias características e das particularidades do medio físico en que viven (profundidade, luz, temperatura, grao de exposición ao aire, etc.). O intermareal constitúe un dos hábitats máis heteroxéneos de cantos podamos atopar en Punta Balea. Toda a vida animal e vexetal que se pode atopar aquí, está influenciada polos ascensos e descensos periódicos do nivel das augas e polos efectos que estas orixinan. Analizaremos como as especies van variando en función do tempo que pasan expostas fóra da auga. Durante a visita irase explicando a bioloxía e a ecoloxía das especies que observamos cando baixa a marea. Nos niveis superiores das rochas, que quedan ao descuberto incluso nas baixamares máis mortas, aparecen numerosos invertebrados que resisten ben o desecamento, aínda que para iso deban recorrer a diversas estratexias (aquí atopamos arneiróns, lapas, caramuxos, miñocas, queimacasas, ...) As pozas de marea son biótopos con condicións moi variables, nos que podemos observar multitude de especies pertencentes a grupos moi dispares. Nos días soleados, mentres non sube a marea, a auga vaise evaporando e, como consecuencia, aumenta a temperatura, diminúe a concentración de osíxeno e aumenta a salinidade; nas xornadas chuviosas prodúcese unha dilución e diminución da salinidade. So poden vivir aquí especies capaces de soportar estes cambios extremos (camaróns, estrugas de mar, lorchas, demas,...) Durante a baixamar moitas especies agóchanse baixo as pedras, resistindo as condicións extremas que se presentan durante a ausencia de auga (esponxas, ourizos, mexetes, ...). Tamén observaremos numerosas especies de algas (botellas, carrapucho, etc.) con variadas cores dende o verde (as máis superficiais) ata o pardo e vermello (as adaptadas ás zonas con escasa luz). Observaremos algunha especie mariña que pode vivir fóra do mar durante días, sobrevivindo soas salpicaduras das olas. Esta actividade ven sumarse a outras anteriores que se están facer en prol da posta en valor do Salgueirón, como espazo natural, patrimonial e zona verde a recuperar, protexer e por ó servizo público do pobo de Cangas e da cidadanía en xeral. POR UN SALGUEIRÓN PÚBLICO, ZONA VERDE E PATRIMONIAL ¡¡