CANGAS NON SE VENDE

FORO SOCIAL POLA DEFENSA DO POBO

 

  O compromiso do Foro é o de servir de marco para a expresión de toda a cidadanía de Cangas : ¿que tipo de pobo queremos?. Xa nos amosaron o que querían "eles" e mais de 8.000 persoas sairon a rúa para rexeitalo. Aportemos ideas e discutamos as liñas que deben rexir un novo Plan. 

AS VOSAS OPINIÓNS

PUNTOS A DISCUTIR PARA CREAR AS LIÑAS BÁSICAS DUN NOVO PLAN XERAL

Condicións previas ao ordenamento
  Coñecemento do territorio
  Cartografía actualizada
  Cartografía dos límites do municipio
  Cartografía de montes comunais
  Licencias en curso
  Catastro rústico e urbano actualizados
  Problemas urbanísticos
  Análise de carencias
  Traballo de campo
  Estudio do medio natural
  Estudio social
  Entorno lexislativo
  Debate sobre o financiamento municipal
  Axencia de desenvolvemento urbanístico
  Definición de recursos
  Previsión de crecemento demográfico


Estratexia de base
  Obxectivos
    Crecemento sostible
    Cohesión social
    Crecemento planificado estratexicamente
    Calidade de vida
    Preservación de valores
      Productivos
      Naturais
      Paixasisticos
      Arqueolóxicos
      Históricos
      Culturais
    Establecemento de prioridades
  Medios para conseguilos
    Estratexia de actuación
    Estudio económico
    Participación
    Transparencia
    Observación de leis e prescricións


Ordenamento
  Recursos
    Mar
      Portos
      Areas de marisqueo
      Areas industriais
      Polígonos de producción
    Agricultura
      Estratexia
    Montes
      Modelo productivo
    Industria
      Polígonos industriais
      Plans sectoriais
    Servicios
      Areas comerciais e técnicas
    Turismo
      Estratexia
  Medio natural
    Rede Natura 2000
    Parque Nacional das Illas Atlánticas
    Reserva da Biosfera da Unesco
    Zonas protexidas
    Costa/praias
    Bosques
    Bosques de ribeira
    Zonas húmidas
    Cursos de auga
    Franxas amortecedoras
    Avaliacións de impacto ambiental
  Infraestructuras
    Vía de alta capacidade
    Trazado viario
    Portos
    Zonas peatonalizables
    Aparcamentos
    Abastecemento de auga
    Abastecemento eléctrico
    Abastecemento de gas
    Liñas telefónicas/banda ancha
    Antenas de telefonía móbil
    Antenas de transmisión
    Saneamento e depuradoras
    Residuos sólidos
  Vivenda
    Crecemento real
    Zonas edificables
    Núcleos urbanos
    Núcleos rurais/areas de expansión
    PEPRI
    Ordenamento da edificabilidade
    Impacto territorial
    Harmonía edificatoria
    Barreiras urbanísticas
  Dotacións
    Dotacións sanitarias
    Zonas verdes
    Dotacións educativas
    Dotacións deportivas
    Espacios culturais
    Dotacións relixiosas
    Cemiterios


Ferramentas do ordenamento
    Mecanismos de obtención de chan
    Sistema de cesión de viais
    Convenios
    Areas de reparto


Prevención de problemas
    Impacto territorial
    Impacto ambiental
    Desemprego
    Especulación
    Problemas de tráfico
    Encarecemento do nivel de vida
    Sobreexplotación
    Residuos
    Contaminación


Previsión de medidas correctoras


Seguimento continuado do Plan

SUXERENCIAS AO AVANCE DO PLAN XERAL PRESENTADAS O 15 DE DECEMBRO DE 2007

COMENTARIOS E PROPOSTAS DO FORO SOCIAL DE CANGAS


Condicións previas ao ordenamento

Coñecemento do territorio
É fundamental o traballo de campo, a relación entre o equipo redactor e a poboación, e fomentar a participación.
Cartografía actualizada
Esperamos que o equipo redactor conte coa mellor dispoñible, con fotografía aérea. Tampouco está de máis contar con fotografía aérea do pasado, para observar os cambios producidos, analizalos e telos en conta
Cartografía dos límites do municipio

Os límites supoñen moitas veces cuestións conflitivas que convén abordar con tempo e creando comisións de estudio que cheguen a consenso nos puntos conflitivos
Cartografía de montes comunais
Deberáse pedir a cartografía propia das comunidades de montes e diferenciar o monte xa deslindado, os baldíos e as zonas con usurpacións. Pode ser unha oportunidade única de delimitar claramente os terreos comunais e parar o incesante goteo, chorro as veces, de usurpacións. Recordar que o monte comunal é inalienable, inembargable e imprescritible. Especial consideración deben ter os montes comunais de Aldán, sobre os que hai pendente unha reclamación xudicial dunha xestora veciñal pola recuperación dos montes en man común. O Plan Xeral deberá absterse de calquera ordenación sobre estes terreos que non contemple a posible sentenza favorable aos veciños e a situación que iso pode crear.
Licenzas en curso
O equipo redactor deberá ter a información totalmente actualizada, e a sección de urbanismo do Concello deberá manter o principio de precaución sobre as licenzas en curso para evitar que podan contradicir o posible ordenamento ate o momento en que se suspenda a concesión de licenzas.
Catastro rústico e urbano actualizados
A revisión do 2002 foi un denigrante exemplo de trato caciquil e desprezativo aos propietarios cangueses do rural. Non existiu soporte informático a disposición destes e nun mínimo espazo de tempo houbo que apelotonarse na Casa da Cultura para estudar planos e documentación. Moitas propiedades aparecían con propietario descoñecido e as resolucións finais careceron en moitos casos da rigurosidade necesaria. "Río revolto ganancia de pescadores". Pasado o período de exposición en Cangas todos os trámites se tiveron que facer pagando desprazamentos e consultas a Pontevedra. É absolutamente necesaria unha revisión coidadosa e respectuosa cos propietarios para que o parcelario co que traballe o equipo redactor non conteña erros nin produza inxustizas e gasto de diñeiro en posteriores alegacións, xa chegou co gasto realizado no anterior plan.
Problemas urbanísticos
Curiosamente este apartado aparece normalmente ben enfocado nos distintos plans xerais, aos arquitectos lles gusta salientar a cantidade de erros presentes na ordenación xa existente para despois non solucionar ningún dos problemas e crear outros, moitas veces de calibre aínda maior.
Un dos problemas de base é a non existencia de unha ordenación do territorio de rango superior. A costa sofre unha presión urbanística que debera estar contida por un esponxamento e permeabilidade costa-interior. 
A protección dun ecosistema de gran valor polas súas característica naturais e de produtividade como son as rías precisa de un enfoque conxunto no que abastecementos, depuración, uso de territorio , mobilidade, paisaxe, etc debera ter un enfoque conxunto. As Rías Baixas sería a unidade de ordeación que consideraríamos máis adecuada. Voltamos a pedir o principio de precaución ante ordenamentos que podan supoñer contradicións con leis e ordenamentos de rango superior, lei do litoral, da paisaxe, lei dos ríos, directiva marco da auga, etc..
Análise de carencias
O mesmo que o anterior, vai resultar máis difícil atopar solucións que analizar os problemas, máis pensamos que hai que plantarlle cara aos problemas e aproveitar esta oportunidade para poñer camiño a súa solución. Xa no rexeitado plan de Arteplan aparecía un déficit de espazos libres de 270.000 m2, contando cos metros cadrados habitables existentes no 2004. Este vai se un dos grandes problemas co que se enfronte este plan. Non imos aceptar zonas verdes nos montes, alonxadas da poboación e usurpando outros usos tamén necesarios. Si non é posible solucionar este problema satisfactoriamente somos partidarios do crecemento cero.
Outro gran problema é a carencia de chan industrial. Tamén consideramos como unha prioridade resolver esta situación.
Traballo de campo
O equipo redactor deberá entrar en contacto directo coa poboación e tratar de entender a súa percepción do territorio e as súas perspectivas de evolución. O porcentaxe de territorio de uso público é elevado, e este plan debera mantelo ou incrementalo, artellando tamén unha conciencia da necesidade de xestión común dese territorio e o seu desenvolvemento práctico. A cualificación dun terreo como de protección de espazos naturais, de costas, de protección agropecuaria ou outros non ten que ser entendida como limitación senón como oportunidade, pero para iso fai falla que os afectados miren tamén beneficios, non soamente paus que lles caen. O Foro manterá a máxima vixilancia ante conductas do equipo redactor que supoñan beneficios particulares contrarios ao interese xeral, e os perseguirá de xeito xudicial.
Estudio do medio natural
O equipo redactor solicitará colaboración aos grupos locais coñecedores do medio natural para realizar un enfoque serio neste importante apartado. Podemos afirmar que nos atopamos nun proceso de grave deterioro do medio natural, e é fundamental invertir a tendencia, protexendo e rexenerando, e xerando beneficio de dita rexeneración. É o home o que ten que estar inserido nun medio natural, e non a natureza a que ocupe os poucos resquicios que o home deixe. O medio é a nosa fonte de vida, de traballo básico, e o que nos pode dar a satisfacción e o benestar necesario para ter una comunidade forte, autosuficiente, creativa e realmente desenvolvida. Sabendo do tempo limitado do equipo redactor, propoñemos que as colaboracións solicitadas a grupos locais sexan remuneradas no caso de que estes traballos precisen de dedicación persoal específica.
Estudio social
Vivimos en Galicia uns tempos nos que a tendencia de cambio promovida pola globalización e as grandes empresas apunta a unha maior proletarización, a unha maior concentración de capitais, a un abandono dos sectores primarios, un excesivo peso dos terciarios, unha tendencia aos monocultivos, á perda de calidade do entorno rural e a un desprezo xeral polo pequeno e diverso preconizando o grande e uniforme. Nós non queremos iso. Rexeitamos o inmobilismo pero pensamos que os parámetros de evolución deben basearse no existente, non na destrución do existente para a realización de experimentos interesados de procedencia allea. O minifundismo non é a mellor solución, pero ten claras virtudes de autosuficiencia, non dependencia e diversidade que compre manter.
Cangas ten personalidade e identidade, iso non o pode negar ninguén, reclamamos que o plan que agora comeza reflexe esa idiosincrasia, respecte e realce a nosa historia, tradicións e referencias sociais inscribíndoas nunha situación de avance cara a un benestar social participativo e solidario.
Entorno lexislativo
Respecto estricto da legalidade e atención especial a determinadas leis como poden ser as de Costas, NNSS provinciais do 91 e manter o principio de precaución ante as futuras leis da Paisaxe e o Litoral.
Debate sobre o financiamento municipal
Manter como principio básico a dedicación dos fondos procedentes do urbanismo ao propio urbanismo, non a gastos comúns.
Axencia de desenvolvemento urbanístico
Na liña de independizar o urbanismo de outros servizos prestados polo concello, deberíase estudar con atención a posibilidade de creación dunha entidade independente, que atenda basicamente a criterios profesionais e de transparencia, para a xestión imparcial do urbanismo local.
Definición de recursos
Prioridade á definición de fontes de traballo, con criterios reais e non especulativos. Análise das tendencias, fortalezas e debilidades, co fin de artellar un urbanismo ao servizo da poboación, coa necesaria atención básica ás fontes de traballo e ao acondicionamento do entorno que as favoreza. 
Previsión de crecemento demográfico
A realizar con criterios científicos contrastables. Debe abrirse un especial debate sobre o porcentaxe de vivenda baleira existente actualmente. Tamén sobre a influencia das segundas vivendas de propietarios non censados en Cangas na poboación local. No análise de previsións deberase ter en conta o fluxo migratorio, actual e previsible; crear as características necesarias para cortar a fuxida da xuventude local e prever posibles necesidades dunha hipotética afluencia externa. 
Estratexia de base
Obxectivos
Crecemento sostible
O crecemento continuado nunca pode ser sostible, acaba por ocupar todo o espazo e destruír todo o actualmente existente. Estas palabras son iso, palabras que soan ben, para xustificar a depredación sobre os recursos naturais. Polo contrario o termo insostible é útil porque denuncia prácticas destrutoras. O obxectivo desexable neste caso sería a consecución dunha harmonía entre poboación , natureza e benestar. E temos que declarar que realmente non estamos tan alonxados diso.
Cohesión social
Tamén afortunadamente, as diferenzas sociais en Cangas son menores que no medio urbano ou que en núcleos rurais máis aillados. Calquera planeamento debe manter isto e tentar melloralo, evitando os beneficios indecentes da especulación, o encarecemento do nivel de vida e sendo xusto no reparto de cargas e beneficios.
Crecemento planificado estratexicamente
A normal aspiración do pobo de Cangas é medrar e evoluir, pero hai que ter en conta que o simple crecemento económico non significa mellora da calidade de vida, moitas veces é ao contrario, e moitas veces, nun desenrolo mal planificado, a situación é de pan para hoxe e fame para mañán. Temos un claro exemplo no urbanismo caótico que promoveron Sotelo, Gomez Millán e Marnotes, con grandes enriquecementos para promotores foráneos, caos urbanístico, destrución do tecido urbano e rural e baixa calidade urbanística. Un crecemento intelixente precisa de definición participativa dos obxectivos e dimensionamento do crecemento; de planificación transparente, consensuada e profesional que teña en conta tódalas variables e conte con un horizonte amplo. Por outra parte hai que ser consciente das limitacións, o concello de Cangas está nunha península, casi é unha illa, e se deberá actuar de xeito intelelixente e cauto para solucionar as aglomeracións do vran e non ter un territorio saturado.
Calidade de vida
Ten que ser o gran obxectivo que mida todo o demais, e insistimos en que partimos dun punto alto. Igualdade, xustiza, sentimento comunitario e participación na xestión comunitaria son as mellores armas con que podemos contar para encarar os problemas e buscar solucións satisfactorias.
Preservación de valores
Produtivos
Fundamentais por ser os que dan vida á comunidade e ós seus membros. Cangas sempre tivo un alto grao de autosuficiencia e debe seguir téndoo, sen necesidade de emigrar, de venderse ou de ser simple poboación dormitorio ou de servizos.
Naturais
A natureza foi xenerosa co noso territorio e debémolo preservar e mellorar.
Paixasisticos
Un dos valores máis salientables, de fraxilidade extrema.
Arqueolóxicos
Aínda non suficientemente ben valorados e respectados. Necesaria delimitación e protección de todolos castros existentes, petroglifos e outros restos. Denuncia a Promalar por facer os chalés de Herbello na área de protección do castro de Herbello e petición de restitución da legalidade. Desconfiamos das actuacións estrela de Sotelo no Facho, a protección e exposición ao público é necesaria, pero que adquiran un caracter mediatico pode representar un perigo, como o era a situación do centro de interpretación nunha zona de alto valor ecolóxico e paisaxístico. Solicitamos unha actuación cauta en este tema, sen alardes propagandísticos que contrasten con un abandono total do resto do patrimonio.
Históricos
O mesmo. Atención especial ao Castelo de Darbo.
Culturais
A propia idiosincrasia esta baseada nunha cultura rica pero sometida a fortes presións externas. Temos confianza na súa fortaleza e riqueza, débese reclamar un especial agarimo para con ela sen chegar a extremos proteccionistas que as veces obteñen o efecto contrario.
Establecemento de prioridades
Ten que ser a propia participación da poboación a que as defina. Para nós sería obter unha poboación con pleno emprego, que este fora de calidade, e que a calidade do entorno fora parte fundamental no benestar da poboación. Evidentemente o urbanismo non é a única arma para alcanzar un obxectivo así, pero pode e debe axudar.
Medios para conseguilos
Estratexia de actuación
Pensamos que é fundamental a participación, a transparencia, a profesionalidade e a clara diferenciación entre interese público e intereses privados.
Estudio económico
Estamos convencidos de que a especulación sobre a vivenda non pode ser base sólida para nada e que os parámetros a estudar e valorar deben basearse en datos estatísticos contrastados e de longo prazo. Rexeitamos claramente a venda de Cangas con fines especulativos e reclamamos o noso dereito a vivir do noso traballo. Aparte da entrada inmediata de cartos que produce a urbanización, existen uns gastos contínuos no tempo que esta provoca e que pasan a ter que ser asumidos polo conxunto da comunidade. Ollo. O urbanismo ten que estar autoxestionado e non alimentar os gastos comúns do concello.
Participación
A reclama a lei, está presente nos programas electorais, pero á hora da verdade resulta incómoda, é moito máis doado atender ás presións inmediatas. Reclamamos o desenvolvemento dunha Axenda Local 21, a creación, segundo as súas pautas, dun Foro do Medio Ambiente e comezar a definir unha filisofia medioambiental común. A base deste Foro podería ser o actual Consello Sectorial de Urbanismo, que debe seguir tendo gran importancia sobre todo o proceso de redacción do Plan. Neste senso, se ten falado da creación de comisións específicas e a consulta a expertos en temas concretos como medio de poñer temas en discusión, a traveso de conferencias e xuntanzas. Urxiría unha definición de temas conflictivos e a definición dunhas xornadas nesta dirección.
Transparencia

É o garante de que prime o interese público sobre os intereses privados.
Observación de leis e prescricións
É a liña que NUNCA se pode rebasar.
Ordenamento
Recursos
Mar
Portos

Aínda que dentro das xurisdicións de Costas, Portos de Galicia ou Puertos del Estado, Cangas debe dar a súa opinión sobre os portos e integralos no seu tecido territorial. Cangas e Aldán son os principais portos do concello, pero existen peiraos en Menduiña, Río Esteiro, Ameixide, Punta Couso, Melide, A Congorza, O Salgueirón, Punta Rodeira e O Canabal. O mar é un elemento fundamental na vida de Cangas, e o vai a seguir sendo. Os peiraos son puntos de contacto entre terra e mar e protección das embarcacións, pero tamén son obras agresivas que teñen efectos as veces moi custosos para o medio ambiente. Deberáse estudar moi coidadosamente a utilización dos peiraos, para tirarlle o máximo partido ao xa existente, promocionar o sentido colectivo que teñen, e organizar as súas capacidades para o transporte colectivo e a explotación de recursos. Débese evitar a privatización de espazos que son e deben ser comunitarios. As concesións son admisibles con reservas, as apropiacións non. Débese manter sempre a obrigatoria servidume de paso de 6 metros. Recordar a lei que impide instalacións portuarias a menos de 200 m dunha praia (pantaláns Rio Esteiro). A actividade prioritaria debe ser sempre a pesca, xustificada pola súa importancia real e posibilidades futuras como produto de máxima calidade.
Areas de marisqueo
Consideramos que o marisqueo é unha actividade comunitaria de grande importancia que se atopa indebidamente en declive. O Plan de urbanismo debe tamén contar con estas áreas nas súas dimensión actual e posible (o marisqueo a pé é a autentica acuicultura, gran cantidade de areais do concello son susceptibles de ser cultivados) para prever accesos, servizos, e as necesarias instalacións en terra (puntos de descarga, amarre das embarcacións, cetareas..) mediante a adecuada ordenación das posibilidades actuais e sen que repercutan negativamente sobre o medio e as propias áreas de explotación.
Polígonos de produción
Dentro do noso territorio se sitúan importantes polígonos mexiloeiros, que aínda que no caso da ría de Vigo son explotacións principalmente de propietarios de Moaña, non temos por qué considerar que vai a ser sempre así. Débense contar coas necesarias instalacións en terra para amarre de embarcacións, servizos (posible reparación de bateas, recolleita de residuos,..), e cetareas. Tamén se debería prever unha futura expansión da acuicultura en mar aberto. A piscicultura en terra, presente na Punta dos Castros en Nerga, debe considerarse como inadecuada, como sucede nos máis avanzados países europeos, pola súa negativa repercusión no litoral, na calidade das augas e na bioloxía natural da zona. Na ría de Aldán existen as instalacións industriais situadas en dominio público (en trámite de investigación en Costas) de Ameixide, que deberían estar dedicadas á atención dos polígonos da ría, a cetareas, industria auxiliar e unha posible actividade comercial de produtos da ría de alta calidade enfocada ao turismo náutico.
Areas industriais
Cangas mantén un déficit durante máis de quince anos de terreos axeitados para a instalación de industria. Se pode entender que a situación de Cangas non é a máis axeitada para determinada industria, sobre todo a pesada, pero si que precisa de áreas industriais para cubrir as necesidades das actividades primarias, sobre todo das do mar. O plan podería prever diferentes situacións dependendo da nocividade da actividade. Unha actividade silenciosa e non contaminante non precisa das mesmas condicións de outras máis agresivas.
Agricultura
Estratexia

A actual importancia da agricultura na economía do concello é simbólica. No obstante, a súa importancia cualitativa é enorme, podemos referirnos á calidade dos produtos que forman parte da nosa dieta; á autosuficiencia que conleva e o seu arraigado compoñente psicolóxico; á importancia etnográfica e identitaria; á importancia indudable na paisaxe e na biodiversidade... En tempos pasados se construían as casas no terreo pedregoso para non destruír terreo cultivable. A agricultura ecolóxica está a medrar en toda Europa, en Alemania hai hipermercados de produtos ecolóxicos. Hai países que subvencionan o cultivo atendendo a razóns puramente economicistas para evitar danos ecolóxicos. A posibilidade dunha crise da enerxía ou do transporte tamén podería toparnos na posesión duns fértiles campos cubertos de formigón. Pensamos que se deben preservar ao máximo os campos de cultivo e artellar estratexias de aluguer de terras, comercialización colectiva, cultivos de alta calidade, gandeiría selectiva ou outras, que fagan rentable a agricultura e esta constitúa un factor máis de calidade de vida para a poboación local.
Montes
Modelo produtivo

Polo tamaño das explotacións e pola accidentada orografía, os monocultivos de eucalipto e pino resultan de moi baixa rendibilidade no noso concello. Conlevan ademais a destrución da biodiversidade propia, o impacto negativo na paisaxe e os recursos hídricos, e polas súas características pirofíticas, o aumento de riscos de lumes forestais.
A pesares da necesidade de moitos anos de crecemento, as especies autóctonas son as que proporcionan un menor risco de lumes, unha madeira de maior valor, unha paisaxe de maior calidade, e a posibilidade de explotación de outros produtos diferentes á madeira, como poden ser os cogumelos, as castañas ou outros múltiples froitos e a propia caza. Esa inversión terá que facela algunha xeración. Sexamos nós os que comecen. 
Industria
Polígonos industriais

Comentábamos a necesidade de terreo industrial que ten Cangas. Pola limitada extensión do concello non hai ningún punto que se atope a máis de 2.000 metros de un núcleo de poboación, imposibilitando por tanto as activividades nocivas e molestas. Deberíase apostar por actividades que reportaran altos valores añadidos e que estiveran relacionados coas actividades extractivas da comarca. Lembrar a importancia para iso da formación e o I+D+I. A nosa pretensión sería a creación dun parque tecnolóxico, puidera ser que especializado en industrias e actividades relacionadas co mar. O Salgueirón sería unha ubicación idónea debido aos 30.000 de naves existentes e en desuso. O parque industrial de Castiñeiras se podería ampliar no concello de Cangas nunha cantidade limitada de metros cadrados, mentras non supuxera un alto impacto sobre a cabeceira do val de Aldán, e non resultase unha operación especulativa sobre os terreos senón a accesibilidade de terreo industrial asequible para empresarios/as e emprendedores/as do concello.
Plans sectoriais
Debéranse desarrollar plans que coordinaran e planificaran estratexicamente sectores como o citado da agricultura, a pesca e a súa industria derivada, ou o turismo. Debido á anteriormente citada proximidade dos núcleos, se debera descartar no concello a actividade mineira, concretamente a das canteiras, resaltando ademais o seu irreversible impacto e a inaceptable explotación privada con alto custe público, ecolóxico e paixasistico de bens comunitarios.
Servizos
Areas comerciais

Pola súa situación, a área industrial da Portela debera ser un área comercial-industrial, evitándose a actividade manufactureira e centrándose no sector automoción ou outras actividades que precisen de unha boa situación comercial.
Polas características de pequeno núcleo urbano, o núcleo de Cangas resulta un centro comercial natural, de grande importancia (e en continuo crecemento) pola atomización do comercio e a súa repercusión en tódalas actividades económicas e de socialización do concello. A máis pequena escala, Aldán-Vilariño ou outros núcleos tradicionais deberan seguir o mesmo camiño, a pesares da despersonalización a que os someteu Sotelo. Como elementos aos prestar gran atención, a problemática do aparcamento de gran número de vehículos particulares debe ser estudada moi coidadosamente. Adiantamos nosa aposta clara polo desenvolvemento de transporte público de calidade. Rexeitamos calquera gran área comercial allea aos núcleos debido a concentración económica que supoñen e súa incompatibilidade co pequeno comercio.
Turismo
Estratexia

Chamamos á atención sobre a utilización interesada e irreal do turismo como recurso en gran expansión e de posibilidades ilimitadas. O porcentaxe de participación na economía ou no emprego de este sector non supera o 10% do total, pero é empregado como señuelo para a privatización de recursos como pode ser o caso dos portos deportivos ou na focalización da venda de terreos como a única actividade a que nos miramos abocados en Cangas. Rexeitamos esta visión e reclamamos o desenvolvemento dos recursos propios e a negativa á venda masiva dos mesmos. O turismo pode ser unha entrada económica de certa importancia, pero sendo racionais coa súa explotación: produce máis manter unha alta calidade ambiental e de benestar comunitario que propoñer unha rápida degradación e o consumo masivo de territorio para atoparnos cunha oferta de calidade baixa e unha degradación cada vez maior. 
Medio natural
Rede Natura 2000

A declaración de Rede Natura se fixo de maneira arbitraria baseándose nos espazos protexidos presentes no Rexistro Xeral de Espazos Naturais de Galicia creado mediante o decreto 82/1989. Estes espazos no concello de Cangas son o 6 Cabo Home e 20 Carballeira de Coiro, están reflexados nas NNSS provinciais e respectados como de protección de espazos naturais nas NNSS actualmente en vigor. Rede Natura diminúe enormemente o espazo 6 Cabo Home e elimina a Carballeira de Coiro. Por contra aparece o tramo ao N de Menduíña como parte do LIC Cabo Udra. Temos pedido repetidamente a ampliación da Rede Natura ate incluír tódolos terreos que figuraban no Rexistro e reclamamos que o Plan os trate de maneira igualitaria cos de Rede Natura. Se ten pedido tamén a ampliación dos espazos mariños ate interconectar o LIC Cabo Home co LIC Cíes e o LIC Udra, e incluílos no Parque Nacional das Illas Atlánticas, e integrar a Carballeira de Coiro co espazo 19 Montes do Morrazo nun novo LIC chamado Carballeiras, Uceirais e Matogueiras do Morrazo. 
Parque Nacional das Illas Atlánticas
Cangas é balcón inmellorable sobre o parque, que, como se di no punto anterior, se debera ampliar ate incluír os LIC Cabo Home e Udra e o espazo mariño intermedio. O parque ten que xerar un turismo limpo e de calidade que debe deixar beneficios en Cangas. É preciso contar con puntos de embarque, información, actividades e atender á loxística do parque. O Salgueirón podería centralizar estas actividades. Se debera establecer unha serie de miradoiros dirixidos ao parque (habilitados con baixo impacto).
Reserva da Biosfera da Unesco
Trátase dunha proposta que consideramos altamente interesante. O núcleo sería o Parque Nacional das Illas Atlánticas e Cangas estaría na zona tampón. Na súa xestión participan todo tipo de asociacións e entidades e pensamos que pode conxugar alta calidade ambiental, con alta produtividade, calidade do produto e turismo limpo e de calidade.
Zonas protexidas
Reiterar a protección necesaria para os espazos do Rexistro, protección significa limitacións, atención ás infraccións, restablecemento da legalidade e rexeneración de zonas degradadas. O Plan non pode nunca legalizar actuacións ilegais no seu momento, o faría nulo de pleno dereito. É preciso recuperar a legalidade en amplas zonas do litoral, de protección de Costas e de protección de espazos naturais, e de canles de auga, degradadas por chabolismo, segunda vivenda e construcións ilegais. Os verquidos producidos son un perigo para a salubridade pública e a inxerencia de modos de vida e especies foráneas atacan gravemente aos ecosistemas e formas de vida locais. 
Costa/praias
Seguindo coa filosofía do punto anterior, débese prestar especial atención ao mantemento da entidade natural da liña de costa, que será a súa mellor defensa ante a erosión e unha posible suba do nivel das augas. Ante unha posible lei do Litoral, é preciso manter o principio de precaución, mantendo edificacións e infraestruturas suficientemente alonxadas da liña de costa. Respecto estricto á lei de Costas, e non creación de máis superficie urbana dentro dos límites de 500 m da costa. Rexeneración de praias, dunares e humedais costeiros como preservación e mantemento da riqueza comunitaria en contra do egoísmo privado.
Bosques
Especial atención á actuación das comunidades de montes, xestoras da maior parte de bosques. É preciso extremar a transparencia da súa composición e actividade, ao tempo que apoiar dende as instancias públicas a súa dificultosa e esforzada actividade. Reiteramos a nosa aposta pola inversión a longo prazo e pola concienciación pública para contribuír á xestión de bens comunitarios que nos benefician a todos/as.
Bosques de ribeira
Son zonas de gran importancia, que constitúen importantes espazos de comunicación da fauna, e de esparcemento e oxixenación comunitaria. Débese manter escrupulosamente a policía de 100 m dos marxes e rexenerar ou tentar rexenerar as zonas degradadas.
Zonas húmidas
A lagoa de Vilariño e a de Balea son as máis importantes. Débese valorar adecuadamente a súa importancia e fraxilidade e establecer os adecuados marxes para súa protección e a da biodiversidade que acubillan.
Cursos de auga
Está en curso o desarrollo dunha lei de iniciativa popular sobre os ríos sobre a que se debe manter o principio de precaución. Recordar que esa lei afecta tamén ao mar nun sector de radio un quilometro sobre as desembocaduras. A directiva marco da auga establece tamén como obxectivo para o 2015 que os cursos de auga teñan a necesaria calidade biolóxica.
Franxas amortecedoras
Para a adecuada protección da calidade ambiental é preciso manter unhas franxas que non convertan os terreos protexidos en illas biolóxicas senón que constitúan unha rede consistente. Pensamos que é posible convencer á poboación da necesidade de manter unha calidade medioambiental alta e de que facéndoo así obteremos beneficios.
Avaliacións de impacto ambiental
O actual Plan tense que someter á avaliación ambiental estratéxica segundo a lei 9/2006. Pola nosa parte, non vai ser un trámite máis, senón unha das canles polas que a participación da poboación ten que asegurar o mantemento e mesmo a rexeneración da calidade ambiental.
Infraestruturas
Vía de alta capacidade
Intentárase reducir o terrible impacto de esta infraestrutura, estudando medidas adecuadas como a creación dun falso túnel no Liboreiro, a substitución de plantas alóctonas por autóctonas nos terrapléns, a restitución de camiños e cursos de auga ou a creación de barreiras sonoras e visuais. Para evitar a saturación da vía é fundamental a promoción do transporte público, terrestre e marítimo, con liñas directas ás praias, e a regulación e rigoroso control dos aparcamentos nas praias. Disuasión, pero con alternativas. Si che meten unha boa multa e podes coller un transporte público, vas no público, é difícil que sexa máis incómodo que a cola e o suplicio para aparcar.
Trazado viario
O trazado xa é realmente extenso, proporíamos unha atención seria ao estado do xa existente, coas ampliacións e melloras que sexan posibles, e unha previsión real de inversións para a mellora e mantemento. Como circulacións a mellorar especialmente estarían: unha ruta alternativa de para non pasar polo centro de Cangas; mellorar a carreteira de Herbello..Proporíamos eliminar aparcamentos nas vías principais onde sexa necesaria fluidez, a eliminación total dos semáforos e a creación de rotondas onde sexa posible. Para racionalizar o tráfico é necesaria a promoción do transporte público, a ser posible en unidades de pequeno tamaño (microbuses), como existen en moitas partes do mundo, de percorridos e horarios flexibles, e enerxeticamente eficientes.
Resaltar a importancia dos camiños públicos, non necesariamente asfaltados e o seu mantemento (en condicións adecuadas) como rutas bici ou de senderismo. No plan se deberan cartografiar, incluida a GR-59.
Portos
Racionalización dos existentes. Posibles puntos de desembarque nas praias (no vran). Reparación e coidado do existente, en estado de abandono actualmente en moitos casos. Eliminación progresiva de actividades que se podan realizar en outras situacións (almacéns, aparcamentos, frigoríficos, oficinas, hostelería..)(Lei de Costas). Prohibición da publicidade en dominio público (Lei de Costas). Proxecto racional de recuperación do patrimonio histórico no Salgueirón. Recuperación do uso público de Ameixide.
Zonas peonalizables
A tendencia será a da peonalización dos distintos núcleos, deberá ser regulada e promocionada mediante o uso do transporte colectivo e a provisión de aparcamentos alternativos. Fomento dos carrís-bici, non necesariamente asfaltados.
Aparcamentos
Retirada dos aparcamentos en primeira liña de costa. Provisión de aparcamentos sen ánimo de lucro cercanos aos núcleos.
Abastecemento de auga
Estudio da posible captación e almacenamento de auga autosuficiente para O Morrazo. Control sobre os acuíferos e posibles afeccións por obras, e mantemento das fontes públicas e a súa salubridade. Extensión do servizo ás parroquias. Información centralizada dos tendidos de auga. Control das perdas e servizo de atención rápido.
Abastecemento eléctrico
Liñas soterradas onde sexa posible, especialmente nos núcleos de poboación e zonas de valor paisaxístico. Promoción pública de minicentrais de biomasa. Alumeado público eficiente e non derrochador. Extensión do servizo eficiente ás parroquias. Información centralizada dos tendidos eléctricos. Servizo de atención rápido.
Abastecemento de gas
Extensión do servizo ás parroquias. Información centralizada da rede. Servizo local de emerxencias. 
Liñas telefónicas/banda ancha
Extensión do servizo ás parroquias. Información centralizada da rede.
Antenas de telefonía móbil
Coordinación do mapa de coberturas. Uso compartido de antenas. Control e medición de contaminación electromagnética.
Antenas de transmisión
Coordinación do mapa de coberturas. Uso compartido de antenas. Control e medición de contaminación electromagnética.
Saneamento e depuradoras
Extensión do servizo ás parroquias. Información centralizada da rede. Previsión de depuradoras independentes por cuncas naturais. Dimensionamento según puntas estacionais. Separación de pluviais. Depuradoras para instalacións industriais. Control exhaustivo de funcionamento. Dotación de pantallas visuais naturais.
Residuos sólidos
Posta en funcionamento real da compostadora da Portela. Recolleita selectiva. 
Vivenda
Crecemento real

Dimensionamento da edificación segundo o crecemento real. A vivenda é unha necesidade, non un negocio. Apertura de un debate sobre as vantaxes e inconvintes da creación de segunda vivenda no concello.
Zonas edificables
Cualificación do chan segundo os criterios reglados. Xustificación non espuria de posibles recualificacións.Estas só se farán en casos de estricta xustificación de interese público. Transparencia. Non expansión do terreo urbano no límite dos 500 m da costa. Non creación de barreiras visuais. Nos opoñemos a tipoloxía de vivendas adosadas. Rexeitamos a figura do axente urbanizador.
Núcleos urbanos
Se promocionará a rehabilitación e o mantemento dunha estrutura homoxénea e con personalidade. A atención as áreas públicas é fundamental. Haberá zonas verdes na proporción legal a distancias humanas, ou sexa, cercanas. Se procurará que as zonas de diversión nocturna non se atopen nas mesmas zonas de vivenda. As naves de Ojea deberan rehabilitarse para este fin e para actividades culturais e sociais.
Núcleos rurais/areas de expansión
Se conservará o espírito tradicional e o valor cultural, pero se permitirá a súa expansión dentro da mesma filosofía, e facilitando o contacto coas áreas públicas, a natureza, campos e montes. 
PEPRI
Cumprirase escrupulosamente co fin de manter a personalidade do núcleo de Cangas. Como medida para manter a habitabilidade, os habitantes do núcleo deberan ter acceso a prazas de garaxe públicas. Se deberá ter moi especial atención ao aillamento acústico dos locais nocturnos no casco vello, e facer respectar os horarios.
Ordenamento da edificabilidade
Sabemos das poderosas presións de promotores, construtores e financeiras. Repetimos que a vivenda debe ser un dereito e non un negocio. Queremos traballo e benestar, non vender Cangas, encarecer a vida e ter que emigrar despois. Non nos tragamos o anzol. Os planeamentos de Moaña, Marín, Vigo, Sanxenxo, son os exemplos do que non debe ser o Plan actual.
Impacto territorial
Queremos unha poboación inserta no seu medio, non estragalo para aillarnos en cubículos virtuais.
Harmonía edificatoria
Teñen que existir unhas normas arquitectónicas comúns que eviten o feísmo e promovan vivenda de calidade intrínseca: volúmes harmoniosos, espazos amplos, alturas máximas, luminosidade e ventilación nos interiores, control das trampas e infraccións etc.. Sabemos que as normas existen, pero os exemplos da nova construción son xeralmente penosos. 
Barreiras urbanísticas
Dentro da calidade arquitectónica ten que estar a ausencia de barreiras, para minusválidos e non, entradas a garaxes, sinalización, valados excesivos, etc, etc. A planificación se supón, pero habería que prever tamén a súa aplicación. Dentro das barreiras urbanísticas se poden contar as barreiras visuais. En Rodeira hai unha gran ocupación dun espazo natural que é o dunar, no que sería desexable unha maior apertura ao mar. Vilariño e Aldán estanse a converter tamén en poboacións-barreira (deseño Enrique Sotelo). E premio para o urbanista que puidera poñer algo de humanidade no caos da Pedra Alta (asinado por Lois Pena).
Dotacións
Dotacións sanitarias

O Foro foi sempre partidario da creación dun Hospital Comarcal e de que poderamos fuxir do inferno de Povisa e deixar de alimentar ese negocio privado. Débense prever terreos para ese hospital e non esquecer a atención primaria nas parroquias.
Zonas verdes
No plan rexeitado aparecía un déficit de 270.000 m2. Para cubrilo e cumprir o ratio legal é preciso abordar o tema coa máxima seriedade, estudando nesta fase de avance as zonas posibles, e, de xeito ineludible, estudar a financiación da súa posible expropiación. Non imos aceptar zonas no monte afastadas da poboación, nin o maquillaxe de zonas naturais a protexer. O Salgueirón pode surtir de prácticamente 100.000 m2, é nosa aposta clara, pero aínda estaríamos moi lonxe do terreo preciso. A posibilidade que creemos que hai que estudar é a de terreos cultivables en desuso cercanos á poboación. Non queremos vivir nun suburbio masificado de Vigo, se non se pode cumprir este ratio con honestidade, pensamos que temos que esixir o crecemento cero.
Dotacións educativas
Debido ao estancamento da demografía, probablemente os espazos dedicados a isto sexan suficientes. É preciso mantelos adecuadamente.
Dotacións deportivas
A prevención é básica na saúde dunha poboación, e o deporte unha necesidade na sociedade actual. Existe a elección sobre gran cantidade de deportes. A Formula 1 non ten sitio apropiado no concello de Cangas e outros deportes tampouco. Sí que temos grandes oportunidades nos deportes náuticos, pero sen que con iso nos pretendan privatizar o mar para facer aparcamentos de embarcacións. Mergullo, vela tradicional, remo... teñen condicións naturais de máximo nivel e supoñen un mínimo impacto ambiental, poderían ser exemplos dos deportes a promocionar; o deporte debe inserir ó home no medio e non tentar convencelo da súa supremacía con alto custe ambiental 
Espazos culturais
O citado das naves de Ojea podería dar unha referencia cultural e creativa para a xuventude na que entrara a autoxestión e o aprendizaxe para a vida comunitaria. Deben preverse espazos similares para as parroquias. Estes espazos deben servir de centros de reunión das asociacións e para actividades comunitarias e culturais co menor dirixismo posible.
Dotacións relixiosas
O patrimonio da igrexa é tamén patrimonio cultural común. Débese velar pola súa conservación e utilización comunitaria.
Cemiterios
Débese evitar que a especulación ocupe o camposanto. Non permitamos que se faga negocio coa morte.


Ferramentas do ordenamento
Mecanismos de obtención de chan
Un catastro adecuado e unha catalogación técnica do territorio, permitiría a clasificación correcta da propiedade do concello. Existen terreos baldíos que poden ser utilizados para actividades comunitarias. O 10% de aproveitamento urbanístico debe dedicarse a equipamentos comunitarios e non a financiación de gastos comúns. A expropiación vai ser necesaria en moitos casos e débese facer a prezos de mercado, para o cal se teñen que estudar as necesarias liñas de financiación. O reparto de cargas e beneficios debe facerse de xeito igualitario. Algunha xente xa esta a falar de que o sistema de goberno actual en Galicia estase a converter nunha "cleptocracia". É responsabilidade do equipo de goberno realizar un ordenamento xusto. De xeito contrario as tensións sociais o farán imposible.
Sistema de cesión de viais
Débese convencer aos propietarios de que ter uns viais adecuados aumenta o valor de súa propiedade, pero fará falla unha equidade cristalina para que un veciño non mire favoritismo ao do lado e rexeite colaborar.
Convenios
Na exposición pública do avance se presentaran alegacións e posibles convenios. Temos mal exemplo nos convenios presentados no anterior plan, inxustamente favorables para os propietarios. Deberá quedar claro que as únicas recalificacións posibles serán as que propoñan un beneficio claro para a comunidade. Hai que ter en conta que a área urbana de Cangas xa é moi extensa e que hai toda unha serie de servizos que son responsabilidade do concello e outras administracións e que se pagarán entre todos/as unha vez realizada a obra: as contraprestacións económicas se dilúen totalmente no tempo. Os convenios asinados co anterior plan son nulos. Non se aceptará ningún convenio que involucre aos montes de Aldán mentras non se resolva a demanda xudicial dos veciños/as.
Areas de reparto
Rexeitamos a creación de áreas de reparto, resultan un recurso fácil para o urbanista pero producen situacións de gran inxustiza e son augas revoltas adecuadas aos tiburóns urbanísticos.


Prevención de problemas
Impacto territorial
No curso da avaliación ambiental estratéxica débese estudiar o posible impacto do plan en condicións de transparencia. Xeracións futuras agradecerán que agora sexamos avaros co territorio.
Impacto ambiental
O mesmo
Desemprego
É un dos grandes problemas da comarca e debe ser o eixo básico do planeamento: obter as condicións de explotación máis axeitadas e xustas de nosos recursos para nosa poboación.
Especulación
Produce desigualdade, miseria, encarecemento da vida e tensións. Tentaremos perseguila coas armas da administración, da xustiza e da mobilización.
Problemas de tráfico
A inversión en transporte colectivo supón grandes beneficios para a comunidade. A liberalización do transporte é unha oportunidade que debe ser enfocada como tal polas administracións.
Encarecemento do nivel de vida
É a consecuencia directa da especulación e o trato da vivenda como obxecto de negocio, inversión e branqueo de cartos.
Sobreexplotación
Unha xestión racional debera evitala, coas súas nefastas consecuencias.
Residuos
RRR, Reducir, Reutilizar, Reciclar
Contaminación
Pode ser de moitas clases, atmosférica, hídrica, do solo, acústica, térmica, química, electromagnética, visual, microbiológica, acústica, lumínica, radioactiva.. Unha forma de vida desexable sería a que tivera un mínimo impacto contaminante.


Previsión de medidas correctoras
Seguimento continuado do Plan
O plan non acaba coa súa redacción. Deberá ser aceptado pola poboación e aplicado paulatinamente. Como sempre é a participación cidadán, a transparencia e a eliminación do amiguismo o que fará que teña efectos positivos na comunidade, agora e para xeracións vindeiras.

Cangas, decembro 2007