CANGAS NON SE VENDE

FORO SOCIAL POLA DEFENSA DO POBO

      Xusto o día despois da concentración na Alameda Vella, as oito da mañán chegan catro coches con catro empregados de Puentes y Calzadas. Se supón que veñen a facer o "replanteo" das obras do porto deportivo, así foi acordado na reunión entre os grupos do concello de Cangas e Jose Manuel Otero, presidente de Puentes y Calzadas, o venres pasado.

    Nesa reunión acordaron que Mariano Abalo, concelleiro delegado de urbanismo fora o único interlocutor coa empresa que pretende facer a obra do porto deportivo e que esta empresa "aceitaba" que o uso dos terreos en terra se decidira no Plan Xeral que agora comeza, non reiniciando as obras do porto aínda que si realizando o replanteo delas para "xustificarse" coa Autoridade Portuaria de Vigo.

    Pois ben, xunto cos empregados de Puentes y Calzadas, aparece en Punta Balea, unha escavadora de Excongal, coñecida e "querida" empresa local. Só podemos supoñer que sexa para que os topógrafos non teñan que cargar co teodolito, ou para surtilos de espichos e pintura laranxa.

    Por suposto, non se nos ocorrería pensar que un home de honor, responsable, como José Manuel Otero, fora a incumprir o compromiso acordado o venres mesmo cos representantes do concello de Cangas. Polo tanto nos diriximos aos seus empregados solicitándolle que se comuniquen con el para subsanar o erro, cousa que inmediatamente sucede, retirándose a escavadora, os empregados e nós da raíz do molle roto. Máis tarde pola mañán acudirán os topógrafos e aínda tendo que cargar eles mesmos cos teodolitos e os espichos, inzarán o camiño comunmente usado polos paseantes de espichos con bandeirolas e graffitearán a gusto coa tinta laranxa polo histórico peirao do ano 48.