CANGAS NON SE VENDE

FORO SOCIAL POLA DEFENSA DO POBO

ROTEIRO HISTÓRICO-NATURAL POLO SALGUEIRÓN


Baixo o lema “SALVEMOS O SALGUEIRÓN” o vindeiro sábado 24 de outubro a partir das 11 h. da mañá e con saída diante da torre da antiga fábrica conserveira de Massó está organizado un roteiro por esta zona costeira de máis de 200.000 m2 de terreo.

Co fin de denunciar o lamentable estado de abandono do lugar e reivindicándoo como o espazo público, zona verde e patrimonial que necesita o maltratado centro urbano do concello de Cangas, sen esquecer tampouco que pasa por ser unha referencia comarcal para O Morrazo e así mesmo para a contorna da ría de Vigo vaise facer unha visita guiada polo bosque de don Paco, as antigas naves de conserva, baleeira e fábrica de salazón de Massó e rematará co achegamento ata Punta Balea e a lagoa da Congorza. A duración aproximada do roteiro é de 2 horas.

O roteiro será guiado por membros do Grupo Ecoloxista Luita Verde, do Grupo de Anelamento Anduriña e dun especialista no patrimonio arquitectónico de Cangas.

O antigo complexo de fábricas de Massó, a pesares de que está catalogado como Patrimonio Industrial polo Estado dende hai dúas décadas está na máis absoluta ruína e aínda que sen regular.

A antiga conserveira, pasou por sela meirande de Europa é un extraordinario expoñente da arquitectura industrial do século pasado.

As antigas naves da baleeira, coas súas ramplas é museo virtual dunha actividade que feneceu a principios da década dos oitenta debido a unha moratoria internacional.

A antiga fábrica de salazón, ubicada fronte a praia da Congorza e a Punta Balea, é unha compacta construción en pedra, con arredor de 100 anos de existencia.

Tamén están os edificios da fábrica primitiva no Salgueirón, que se utilizou despois como carpintería de ribeira, comedor, vestiario, cantina e economato; a gardería, a cheminea, que igual que as antigas fábricas resisten baixo a ameaza do derrubo pola degradación de tantos anos de inactividade, de incendios e de destrozos humanos.

É un patrimonio arquitectónico que en conxunto debería ser catalogado Ben de Interese Cultural pola Xunta de Galicia, protexido e recuperado para uso e disfrute público.

O chamado bosque de don Paco é un parque botánico de gran valor natural coa presenza de máis de 40 especies arbóreas dos 5 continentes que rodea as antigas instalacións industriais e que pola súa gran variedade de especies, portes e o seu vínculo socio-cultural é digno dunha mellora do seu estado actual, da súa conservación e dunha figura de proteción do nivel de “árbores senlleiras”.

O espazo natural de Punta Balea, onde tamén está integrada a lagoa da Congorza está protexido actualmente como solo non urbanizable de espazos naturais.

Nel podemos atopar espazos de intermareal, costa rochosa, dunas, campos de cultivo ou a baldío, matogueira, bosque de ribeira e zona palustre están catalogadas unhas 400 especies de plantas, 73 de insectos, 1 de peixe, 6 de anfibios, 14 de réptiles, 148 de aves e 22 de mamíferos.

A maior ameaza futura para toda a zona é un proxecto urbanizador de varios centos de vivendas, hoteis e gran área comercial máis un porto deportivo ó seu carón que suporían a destrución do medio natural, perda do patrimonio industrial e a privatización total do lugar.

POR UN SALGUEIRÓN PÚBLICO, ZONA VERDE E PATRIMONIAL